La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando eu estudaba en Santiago, alá polos anos sesenta, había un señor que traballaba como corrector de probas e que tiña unha teima obsesiva coas palabras. Con frecuencia, atopabámonos de noite na rúa, cousa que eu agradecía, pois era un conversador moi ocorrente. Se non lle daba por falar de mulleres, asunto que lle producía entusiasmo, resultaba sempre interesante. Incluso cando sacaba este tema, podía amosarse gracioso e animado, sobre todo cando falaba da furia luxuriosa indomable que a súa avoa espertaba no seu avó.

Sentía horror contra os que utilizaban mal o castelán. En moitos anos de traballo, non conseguiu nunca impoñer a palabra “apoteótico” fronte “apoteósico”, que daquela aínda non estaba aceptada pola Academia. E recordaba con indignación a bronca que recibiu un día por cambiar “incendio espantoso” por “incendio formidable”.

El sabía moi ben que este vocábulo, máis que ‘magnífico’ significa propiamente ‘aquilo que mete medo ou espanto’. Non sabía en cambio que “cenit” é palabra aguda, nunca grave, como aparece case sempre, incluído onte neste noso periódico, acentuada no e. Eu tamén o ignoraba, ata que llo escoitei a Jorge Guillén, que se queixaba de que o seu famoso poema “Perfección”, tantas veces recitado en público, no que aparece este termo nun verso fermosísimo, servira para perpetuar a incorrección. A ver se conseguimos evitala a próxima vez.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de xuño de 1995.

 

* Nota do editor (1995). Actualmente, a Real Academia Española admite cenit como palabra grave ou aguda. En galego é grave (cénit).