La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte estiven na Coruña para participar na homenaxe a Alexander von Humboldt. Había exactamente 200 anos que o científico alemán saíra deste porto, camiño de América. Como o acto conmemorativo se celebraba no paraninfo do rectorado, o mesmo mar que tiñamos diante dos ollos, a escasos metros, foi o que sulcou o científico alemán a bordo da corbeta Pizarro o día 5 de xuño do ano 1799. Humboldt contaba entón trinta anos de idade. Pasara uns días na Coruña, viaxara ata Ferrol e realizara algunhas medicións antes de zarpar, operación que tivo que facer o barco español con precaución por culpa duns navíos ingleses que o agardaban fóra.

Tense dito que a viaxe de Humboldt foi o segundo descubrimento de América, pero poucos saben que a aventura do sabio se iniciou na Coruña, que aínda lle debe algún monumento, como os moitos que ten nos países hispanoamericanos que visitou, especialmente en Venezuela. Foi neste último onde se publicou en español a célebre Viaxe ás rexións equinocciais do Novo Continente, esa xoia.

Naturalmente, eu non podo valorar a parte científica do libro, pero hai dous feitos na citada obra, que se compón de cinco volumes, que me impresionaron cando a lin: o primeiro, a súa calidade literaria, que permite lela como un amenísimo relato de aventuras, da estirpe dos escritos polo capitán Cook, por exemplo. Pero tamén a calidade humana do personaxe. Cando sae da Coruña, ao pasar á altura do castelo de San Antón, non pode esquecer que naquel recinto penitenciario cumpre condena o gran Malaspina e para el é o seu último recordo. Onte, cando lanzamos a aquel mesmo mar unha coroa de flores, eu tiña a aqueles dous homes na memoria.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de xuño de 1999.