La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un Holmes algo indecente

Onte pola mañá, cando me dispuña a abrir o correo, entre as cartas descubrín unha caixa pequeniña co membrete dunha asociación de amigos de Sherlock Holmes. Como lle pasa aos lambonciños, que deixan os mellores bocados para o final, fun demorando a apertura do paquete, consciente de que, fose cal fose o seu contido, gardaría unha sorpresa agradable. Xa teño falado aquí moitas veces desta miña debilidade polo famoso detective, pola súa literatura admirable e por todo canto rodea a súa figura.

Durante anos fun xuntando algúns libros raros, incluídas primeiras edicións, e obxectos relacionados coa famosa criatura ideada por Arthur Conan Doyle. Periodicamente recibo catálogos de todo o mundo que me serven para soñar. Outra cousa xa non é posible dados os prezos que acadaron, por exemplo, os manuscritos.

Así que onte abrín a caixiña con ilusión. Dentro viña unha figura de Holmes feita en barro e firmada pola autora, pero nunha posición tan humana como indecente. O título estaba en catalán, por que procedía de Barcelona: “El caganer”. Na carta que acompañaba o regalo, dábase unha explicación: nos beléns de Cataluña hai sempre unha figura nesa actitude; trae sorte. Onte mesmo puxen este Holmes no seu sitio, iso si, algo tapado por un Watson de plomo, máis que nada por non humillar o detective diante das visitas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de xuño de 1997.