La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Os poetastros

O correo tráeme a noticia da morte de Celso Martínez Herrón, un poeta a quen coñecín en Sitges nunha das reunións do xurado do Premio da Crítica, alá polo ano 1970, e que despois volvín ver en Zaragoza e en Santander. El non formaba parte do grupo, pero acudía aos hoteis para amosar os seus versos a algúns dos críticos alí reunidos en asemblea e para invitar a uns magníficos embutidos que el mesmo fabricaba.

Nunca cheguei a ler os poemas que facía, aínda que sempre sentín simpatía por este tipo de poetas. O poeta Antón Tovar, un home co corazón ennobrecido polo sufrimento, escribiu hai anos un poema cheo de comprensión e de cariño para os poetastros, que era como se chamaban antes estes vates desgraciados, condenados á mofa dos líricos coñecidos. Unha alma posta do revés nunca pode ser ridícula.

Nin sequera aquel señor Vilarrasa de quen tanto lle gustaba falar a Josep Pla. É certo que, a primeira vista, puidera parecer un tipo cómico, sobre todo polo feito de que a unha determinada altura sobre o nivel do mar, escribía e falaba en verso cunha naturalidade total. Un día descubriu tamén que os mellores poemas os escribira nun avión. Non obstante, esta afección un pouco extravagante adquiría toda a seriedade do mundo cando aclaraba que escribía versos só para que a súa muller estivese contenta.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de xuño de 1994.