La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Divertirse

O xoves estiven na Pontenova, preto de Asturias, para dar unha conferencia. Cando me chamaron para invitarme, sorprendeume o tema, pois tratábase de falar sobre o ferrocarril. No momento de entrar na sala e atoparme con duascentas persoas, asusteime un pouco, pois pensaba que a cousa ía ser máis familiar e que estarían soamente algúns amigos do tren. Saín do apuro como puiden e logo aínda me deron regalos, entre eles, unha navalla de Taramundi preciosa, co meu nome gravado na folla e as partes metálicas feitas en prata. Unha xoia. Alguén me dixo que non a poderei levar comigo, que é ilegal.

Cústame crelo, pero preguntareille á Garda Civil, que é a que sabe destes asuntos. En todo caso, eu non pensaba utilizala para nada malo, nin sequera para cortar pan, pero gustaríame amosarlla aos meus compañeiros de viaxe no Expreso da Literatura, cando chegue o domingo a Lisboa. Os obxectos bonitos agrádanlle a case todo o mundo.

Na Pontenova paseino moi ben, rodeado de xente boa. Moitos preguntáronme polo gato Samuel. Díxenlles a verdade, que estes días está na fase da ovella, recén trasquilado por culpa dos nós que se lle forman no pelo e que lle hai que cortar de cando en vez. Unha señora achegóuseme para darme saúdos dun matrimonio de Ribadeo, un home e unha muller que pasan dos oitenta anos e aos cales non coñezo, pero que teñen a amabilidade de ler esta columna todos os días. Quérolles dar as grazas desde aquí e dicirlles que oxalá nos sigamos divertindo os tres durante moitos anos, eles lendo e eu escribindo. Porque eu me divirto tanto como se fose ao cine ou comese chocolate.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de xuño de 2000.