La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai un artista americano, ben coñecido no seu país, J. S. G. Boggs, que fai diñeiro, máis en concreto billetes de dólar, exactamente iguais aos de curso legal. Non se trata, por suposto, de reproducións realizadas por procedementos mecánicos, senón de debuxos. Eu vin varios deles e resulta imposible, polo menos para unha persoa normal coma min, distinguilos dos verdadeiros. Por esta razón, Boggs ten tido problemas de tipo xudicial,  tanto no seu país como fóra del. Hai tempo tivo que facer fronte ao Banco de Inglaterra, que lle presentou unha demanda, e á policía federal de Australia, que fixo o mesmo. En ambos os dous casos, gañou Boggs.

Nos Estados Unidos, as cousas non lle pintan tan ben. Unha lei que prohibe executar ese tipo de imaxes tenlle creado algunhas dificultades. O Servizo Secreto ségueo de cerca e non só entra no seu estudio de pintor de cando en vez, sen previo aviso, senón que ademais somete a presión constante os directores dos museos que adquiren os seus billetes, a galeristas, coleccionistas e a particulares.

Polo que parece, Boggs pode subverter a economía mundial. Os seus billetes páganse máis caros, moitísimo máis, que os de verdade, de maneira que un millón de dólares da reserva federal non chega para pagar apenas uns centos dos dólares que el pinta coas súas mans. Isto leva a moitos expertos a preguntarse cal é o valor económico das obras de arte e, polo contra, en contrapartida lóxica, cal é o valor real do diñeiro. Agora tivo que pagar unha minuta de avogados por centos de miles de dólares. De momento, pagounos con oito billetes nos que, en vez do retrato de Franklin aparece o seu propio. O sorprendente é que llos mercou un banqueiro.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de maio de 1999.