La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Teño un amigo alto e forte, talvez un pouco gordo. Por razóns de tipo profesional, con frecuencia ten que visitar a oficina dun banco que dispón diso que tecnicamente se chama un arco de seguridade, é dicir, unha especie de cámara de cristal destinada a detectar ladróns. Para entrar, hai que pasar por ela de forma obrigada. Primeiro tócase un timbre, logo ábrese unha porta, a continuación queda un pechado durante uns segundos agardando que se abra unha segunda porta, e por último xa se pode pasar.

Parece que estas esclusas están dotadas de intelixencia, o cal significa que poden descubrir armas. Polo que me contaron, dispoñen de diferentes graus de sensibilidade, de maneira que o difícil consiste en regulalas para que non dean a lata cos reloxos e as plumas dos clientes, pero que cacen en cambio as pistolas e as navallas.

Estes arcos son sensibles tamén ao peso. O caso é que cando este amigo meu pasa por debaixo, escóitase unha voz electrónica que di: “Por favor, pasen de un en un”.  Confundir a un gordo con varias persoas non fala moito a favor da intelixencia do aparato. Hai dous ou tres días, eu cheguei ao banco pouco despois de que cometesen un atraco. Curiosamente, segundo me contaron, o ladrón empregou un coitelo. Preguntei se o arco avisara de que o tal individuo levaba unha arma e dixéronme que non. Era de esperar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de maio de 1996.