La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un médico catalán, o doutor F. Martí, despois dunha longa experiencia no exercicio da súa profesión, díxolle un día a Josep Pla que un home pode morrer de calquera cousa, é dicir, atragoado pola carabuña dunha cereixa, fendido por un raio, liquidado por un ataque súpeto ao corazón, comido por un cancro, devorado polo lobo, pillado por un coche… Un número inmenso de causas moi diversas, entre as cales non está nunca, segundo o seu parecer, a morte por culpa da risa, a pesar desa frase que utilizamos para dicir que algo nos fixo moita graza.

Penso que se equivoca o citado doutor. O célebre saxofonista Charlie Parker, un dos xenios do jazz, morreu dun ataque de risa na casa da baronesa Pannonica de  Koenigswarter, en Nova York, cando estaba vendo un programa de televisión. Na pantalla, un ilusionista facía ese tipo de monadas que tanto gustan a grandes e pequenos, armou non sei que lío cuns ladrillos e Parker púxose a rir ata que morreu.

Supoño que o contrario debe ser a morte de rabia, producida por un ataque repentino de cólera. Seguro que esa variante está documentada nos libros de medicina. Así e todo, non parece un bo final. Ademais, aos que morren desa maneira débelles quedar na cara un xesto conxelado de crispación e mala uva, o cal non semella moi adecuado, a non ser que se dean circunstancias excepcionais. Como as que se deberon dar nese bosnio da foto que quedou coa lingua fóra, con cara de coña. Un regalo magnífico para o mundo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de maio de 1993.