La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No zoo de Belgrado, polo visto, hai unha cobra repugnante, pechada nunha caixa de cristal que se chama “Madeleine Albright”. Comparte o seu habitáculo de seguridade cun macho da mesma especie, parece que non menos noxento, que entende polo nome de “Warren Christopher”. Desde hai algún tempo, “Madeleine” está preñada de “Christopher” e os responsables do zoo agardan alarmados o resultado do parto, pois teñen medo de que, en vez de serpes, as crías que nazan sexan seres deformes ou monstruosos.

Tan feos como unha chimpancé que anda tamén por alí, moi popular, que hai un ano foi bautizada co nome de “Mónica Lewinsky”. O autor destas ocorrencias é o director do parque zoolóxico,un tal Vukosav Bojović, que comparte un programa de televisión co seu can, un animaliño cunha mancha negra arredor dun ollo, ao cal lle chama “Moshe Dayan”. O programa consiste, entre outras cousas, na lectura de poemas para o bicho, sobre todo de poetas rusos, porque o propietario asegura que a aquel o entusiasma a boa poesía.

Non queda aí a cousa. O tigre que locen na manga as tropas bárbaras do célebre Arkan, famoso pola violencia que empregou na guerra de Bosnia contra persoas indefensas, é o retrato dun cachorro do mesmo zoo de Belgrado. Falando de todo isto, o señor Bojović fixo unha reflexión filosófica. Dixo: “Non sei por que non podemos aprender destes animais a vivir en paz”. Está ben, pero o problema non son os animais. Para empezar, a el mesmo non se lle ocorreu outra cousa que levar o espírito da guerra ás instalacións que dirixe. Se os moradores do zoo se comportasen como o seu director, con eses nomes, a pelexa a morte estaba asegurada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de maio de 1999.