La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Levo varios minutos buscando esforzadamente un adxectivo. Gustaríame atopar unha palabra precisa para cualificar de maneira adecuada o espectáculo que estes días está dando unha boa parte da prensa madrileña a propósito do xuíz Garzón. Todas as que se me ocorren, ademais de seren tópicas e demasiado dramáticas, non expresan correctamente o que quero dicir. De xeito que ao final, despois de maldicir as moitas limitacións da linguaxe, chego á conclusión de que aquela que mellor lle cadra a esta situación é a palabra “ridículo”.

Non se pode tomar en serio unha mostra tan excesiva de brutalidade intelectual. Hai que pensar que os señores que escriben con tan pouco tino non representan nada que teña que ver co mundo da cultura, onde rexen unhas normas de civilización que nos obrigan a ser corteses, ponderados, respectuosos e xustos, sen que nos impidan, por outra parte, sermos firmes, críticos, incisivos e incluso duros.

Todas as tonterías que se están publicando estes días son mostras dunha miseria espiritual que impresiona pola súa indixencia. O máis cómico é que unha exhibición tan descarada de pobreza moral teña como obxectivo, precisamente, a denuncia da pretendida inmoralidade en que está sumido o mundo da política, unha illa noxenta de corrupción perdida nun mar inmenso de pureza onde nadamos todos os demais, incluídas as almas inmaculadas deses individuos que nos periódicos actúan estes días dunha maneira tan pouco exemplar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de maio de 1993.