La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Aproveitando que onte era día de descanso, fun cuns amigos a dar unha volta polas cidades próximas do Adriático: Rímini, Rávena e Ferrara. Na primeira acabamos tomando un café no Gran Hotel, que é o lugar onde Fellini, natural da vila, filmou unha parte da película Amarcord. Trátase dun deses hoteis onde o tempo ten o sabor antigo das cousas inútiles, como os espellos inmensos dos salóns da parte baixa, nos que de repente parece que se vai reflectir a imaxe decadente dunha señora con sombreiro e miriñaque.

A Rávena chegamos a media tarde, de xeito que xa non puidemos ver os mosaicos das igrexas, unha explosión de colorido que alegra a vista e mellora o corazón. Contentámonos con dar unhas voltas, retratarnos ás portas da tumba de Dante e sentarnos nunha terraza. A min isto das terrazas paréceme invento de Deus.

Logo marchamos a Ferrara. Demos un paseo pola cidade, pasmamos diante da catedral e atopamos un señor que tivo a amabilidade de acompañarnos un bo treito para dicirnos dun restaurante. Dentro atopámonos co novelista José Saramago e a muller. Despois da sorpesa e os saúdos, comemos moi ben. Pola noite, cando cheguei ao hotel e me dispuxen a ler un pouco, decateime de que perdera os lentes. Parece que non se pode ser feliz sen ter que pagar por iso, incluso cando un é inocente, como hoxe.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de abril de 1995.