La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pasei a tarde do sábado en Florencia, paseando sen rumbo e mirando aquí e alá. A fin de semana non é o mellor momento para ver nada nunha cidade na que hai tanto que ver. Debe de ser unha das vilas de Europa que mellor coñezo, na que teño estado moitas veces, pero o tempo nunca chega para visitar unha parte nin sequera pequena das marabillas que garda nos seus museos e nas súas igrexas. Así que andar polas rúas ou sentarse nunha terraza na praza da Señoría ou na praza da República tampouco é unha mala opción.

Coma sempre, Florencia estaba abarrotada de xente. Esa foi a razón de que non puidese visitar a capela dos Medici, no palacio da antiga Vía Larga, porque o número de visitas está restrinxido e xa se esgotara o cupo de entradas para todo o día. Non é a primeira vez que me pasa. Vese que hai persoas que madrugan máis.

Como sucede desde hai uns anos, Florencia está chea de turistas españois. Por todas partes se escoita falar en castelán, algo tamén en catalán, nada en galego. Pouco a pouco, isto de pertencer a Europa acabará sendo verdade non só no papel, senón tamén na práctica. Viranos moi ben. A min séguenme entusiasmando a simpatía e a amabilidade dos italianos, moi similar, por outra parte, á de case todos os pobos europeos. Supoño que a forza de tratar con eles, algo da súa cortesía se nos acabará pegando a todos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de abril de 1998.