La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Recordo unha vez en Suecia, uns días despois de chegar para pasar as vacacións, hai anos, que estaba sentado no xardín, lendo o periódico, cando do outro lado do valo vin o veciño que andaba coidando as flores. Como había meses que non nos viamos, erguinme para saudalo. Sorprendeume a frialdade con que me contestou e a rapidez con que volveu á súa tarefa. Logo souben que o meu comportamento, sen ser completamente incorrecto, non era o máis adecuado. Os valos serven alí para defender a intimidade.

Tamén aquí, naturalmente, pero a miña confusión produciuse dunha forma espontánea porque a barreira que nos separaba ao meu veciño e a min non era máis que un pequeno muro vexetal de pouco máis de corenta centímetros de alto. Naquel momento, ademais, entre nós os dous non había máis dun metro de distancia.

Acordeime desta historia estes días de festa pasados, cando andei explorando por esta comarca onde vivo algúns lugares que non coñecía. As casas que vin, cada vez máis fermosas e coidadas, non obstante están case sempre rodeadas duns muros enormes, en xeral bastante feos, que converten os xardíns en lugares inexpugnables. Ignoro se a razón é o medo ou a defensa da intimidade. Desde logo, prefiro a solución dos suecos. Agora que o penso, resulta que o muro da miña casa mide dous metros de alto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de abril de 1994.