La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha ocasión, un estudante de bacharelato con poucas luces pero pluma imparable, escribiu nun exame de ciencias naturais que a vaca era un animal mamífero con catro patas e un rabo bastante longo que no verán lle servía ás veces para espantar as moscas. Pura evidencia. Non moi distinta da conclusión á cal chega un articulista, autor dun longo traballo sobre Ernesto Giménez Caballero que acabo de ler, que emprega non menos de quince páxinas de letra miúda para demostrar o que todo o mundo sabe: que o tal escritor era fascista.

É a faceta menos interesante e aburrida daquel personaxe aloucado. Incluso o seu nariz daba para máis. Consistía nun toromelo rotundo e agresivo, claramente desmesurado en relación coa delgadez angulosa da cara e a insignificancia muscular do corpo, un pequeno e breve conxunto de pel e ósos que lle outorgaba o aspecto simpático dun chisgarabís golfante, intelixente e pouco de fiar.

Un día presentoumo Gonzalo Torrente Ballester durante unha reunión de escritores e trateille de adiviñar as pernas que escondía debaixo dos folgados pantalóns. Non me foi difícil: unhas canivelas de arame e uns xeonllos saíntes e sonrosados. Eu sabía que, durante a guerra, fuxira de Madrid vestido de doncela, con perruca de señora, saia curta e medias. Que un esperpento semellante lograse o seu propósito despois de pasar varios controis, revela a pouca perspicacia dos milicianos que defendían a capital. Non é raro que perdesen.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de abril de 1993.