La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non me acordo quen o conta, talvez Josep Pla, quizais Eugenio d’Ors, tanto ten. Tampouco sabería dicir con que intención o contaron. O caso é que un ministro inglés, alá polos anos vinte, utilizou esta historia nunha intervención parlamentaria. Trátase dun suceso mínimo, mesmo irrelevante, pero que garda o valor simbólico dunha parábola: un diálogo do político con tres obreiros do Lancashire que traballaban na construción dunha catedral, probablemente a de Liverpool, que debe ser a máis nova do Reino Unido.

O caso é que o citado señor se dirixiu a un dos obreiros para preguntarlle que estaba facendo. Este respondeu: “Estou labrando pedras”. A continuación, mentes seguía a visita, atopouse con outro home que se dedicaba a algún traballo manual, ao cal lle fixo a mesma pregunta. A resposta foi: “Gano un xelín por hora”.

Xa cando remataba, mesmo na porta, o ministro bateu cun individuo que naquel momento transportaba un cesto cargado de area, e tamén se interesou pola tarefa específica que tiña que realizar. Con naturalidade, sen darlle moita importancia, este contestou: “Estou construíndo unha catedral”. Non teño intención de interpretar a parábola, pois pode encerrar significados moi diversos, pero non me resisto a dicir que no mundo da intelixencia hai demasiada xente que gaña diñeiro por horas e moi poucos que constrúan catedrais.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de abril de 1995.