La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Sobrado dos Monxes, onde agora está reunido o Goberno galego, un día cortáronlle unha orella a un home. Contóunolo a Ramón Piñeiro e mais a min un paisano do lugar, hai anos, cando estabamos hospedados no mosteiro xunto con outros amigos, revisando a tradución galega do Misal Romano. Despois de xantar, mentres paseabamos pola aldea, o citado veciño, un señor de prosa larga e falar pausado, referiunos algúns episodios da historia local, chea de contos relacionados coas actividades dos carlistas.

Tiñan estes o centro de operacións na comarca, segundo nos dixo, dirixidos por don Antonio López, home de confianza do rei falso, como el lle chamou. O asunto da orella, tal como nos informou, sucedeu nun bosque próximo e a vítima foi un mozo, natural dunha parroquia veciña, que seica escoitaba para o goberno.

Parece que na mutilación do espía participou un monxe, non coa navalla, senón iluminando cun facho. A verdade é que a pinta daquel eclesiástico feroz non se correspondía coa imaxe dos frades que nos acolleron a nós, xente boa, intelixente e

amable. Deben de ser ademais moi discretos, pois nada se filtra, que se saiba, do que se fala alí dentro. Supoño que as cousas que escoitan, se escoitan algo, só llas contarán a Deus. Así que o Goberno pode estar tranquilo, polo menos ata o día do Xuízo Final.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de abril de 1996.