La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola mañá, durante preto dun cuarto de hora, fun escoitando na radio do coche o discurso gasoso dun redentor. Era un deses homes de palabra fácil e ideas flotantes, con resposta rápida para todo, quizais un pouco pasado no capítulo dos nobres sentimentos e unha miga inmodesto á hora de ponderar, ben certo que de forma suave, as propias virtudes. Naturalmente, falaba en ton crítico da sociedade española actual, tamén da europea no seu conxunto, e proclamaba a necesidade irrenunciable de volver a unhas inconcretas orixes.

Perdido nun mare magnum capaz de levantar dor de cabeza, mesturou o monoteísmo e a monogamia dos pigmeos coas clínicas para grilos que parece ser existen na India, fixo unha burla tonta da tecnoloxía e o racionalismo europeos, enxalzou a intelixencia de non sei que tribo do Amazonas e acabou nun delirio de tipo místico-astronómico, onde non faltaron, por suposto, os inevitables buracos negros.

Un corazón tan inflamado de amor aos demais acaba dando algo de medo; sobre todo, porque un adiviña debaixo dese precioso manto de valores, unha falta de autenticidade radical. Non hai que ser demasiado perspicaz para saber que un discurso desa natureza é falso por definición; e abonda con ser un pouquiño desconfiado para intuír que detrás destes personaxes tan bondadosos, a miúdo escóndense uns farsantes magníficos. O seu entusiasmo, non obstante, ten o mérito de espertar en nós o confortante sentimento do escepticismo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de marzo de 1993.