La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Esquecín contar aquí a miña experiencia diso que en América se chama a linguaxe politicamente correcta e que non consiste noutra cousa que en ter moito coidado en non ferir a ninguén cando se fala, non porque non se poida insultar, que se insulta, senón para comportarse como persoas civilizadas. Por exemplo, na Universidade de Nova York observei que os letreiros que sinalaban os lavabos das señoras estaban corrixidos para que puxesen “mulleres”, pois os dos señores puñan simplemente “homes”.

Algún profesor contoume que con frecuencia, en plena clase, hai alumnos ou alumnas que se levantan para chamarlle a atención por algún error cometido neste aspecto. Aínda que xa empeza a estar perfectamente codificado o que se pode dicir e o que non, non resulta moi fácil habituarse a esta nova maneira de falar.

O máis chocante, non obstante, foi o que sucedeu na mesa redonda na que participamos dous homes e dúas mulleres. O presentador dirixiuse ao público para suxerir que se podían facer preguntas a calquera das “catro escritoras, ou catro escritores” que estabamos na mesa. Tardei en decatarme de que cando falaba de catro escritoras, tamén se refería a min. Non sei se todo isto servirá para algo, pero por se acaso, non me importa que en situacións como esa me chamen escritora. Só en casos así, naturalmente.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de marzo de 1996.