La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Había en Madrid despois da Guerra Civil unha señora marquesa con fama de ser unha muller cultísima, boa escritora, que publicaba nos periódicos uns artigos excelentes, moi eloxiados en tertulias e salóns. Nas reunións de amigos era ademais simpática, de maneira que chegou a vivir rodeada da admiración e o afecto de cantos a trataban, tanto que o seu nome figurou en lugar preferente nos listados de candidatos a ocupar unha cadeira na Real Academia Española. Só tiña un defecto: era algo tacaña de máis.

Foi a súa perdición. Os artigos escribíallos un señor ao cal lle pagaba pouco e que un día pediu aumento. Como non o conseguiu, vingouse entregándolle como propia unha colaboración de Oscar Wilde, que a señora remitiu ao periódico firmada por ela mesma. Cando apareceu publicada, choveron as protestas e rematou a historia.

Nos Estados Unidos acaban de cazar a un plaxiario despois de perseguilo polo mundo enteiro. Publicaba co seu nome poemas de Neal Bower. A muller deste, implacable, púxolle detectives privados e descubriu que era acosador sexual, que tivera líos de saias con alumnas, que roubaba, que estaba separado, que contaba mentiras, que utilizaba nomes supostos… El mesmo dicía de si mesmo nunha carta á súa vítima que era feo e repugnante. Algo bo tería, non obstante. Despois de todo, quería ser poeta.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de marzo de 1997.