La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Chamoume onte unha señorita desde Londres para facerme unhas preguntas destinadas a un programa da BBC. Empezou pedíndome que lle dixese como somos os galegos. Igual que me ocorre sempre en situacións así, cando a pregunta resulta tan inconcreta, respondín cunha tontería: dixen que os galegos somos como a demais xente do mundo. Alarmado polo silencio da entrevistadora, que durante uns segundos de desconcerto debeu pensar que o seu traballo ía ser difícil, engadinlle algo máis. Aclareille que os galegos somos iguais que todos, pero diferenciados, tamén como todos, pola nosa lingua e a nosa historia.

Logo preguntoume que pensaban os demais españois de nós. Contesteille que hai anos nos vían como xente pobre e analfabeta, transhumante, dedicada a exercer por España adiante oficios pouco valorados, como os de vendedores de auga no sur, serenos en Madrid ou segadores en Castela. Tampouco nos consideraban moi intelixentes.

Respecto da idea que teñen hoxe de nós, non souben que dicirlle, porque non o sei. Supoño que no resto de España nos verán dun xeito moito máis positivo que antes, aínda que me parece que seguen vivos algúns tópicos vellos, sobre todo aquel de non saber se subimos ou baixamos as escaleiras, pero tamén o de que as galegas son melosas ou que todos respondemos cunha pregunta a outra pregunta no momento en que nola fan. Nunca entendín por que estes lugares comúns duran tanto e son tan difíciles de desterrar. Como dicía hai pouco un amigo meu, desde que o Papa aclarou que non hai lume no inferno, ata que ese lume se extinga no corazón da xente, quedan aínda por ver moitas almas ardendo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de marzo de 2000.