La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Todos os anos, o primeiro domingo de marzo celébrase en Suecia a Vasa loppet, unha carreira de esquí de fondo coa cal se conmemora un feito histórico moi popular, relacionado co rei Gustavo I Vasa, heroe da independencia daquel país. Participan nela miles de persoas, que percorren unha distancia de moitos quilómetros, ao cabo dos cales agarda polo gañador unha cantidade que equivale a algo máis dun millón pesetas e un coche.

Antes, o triunfo non levaba emparellado outro recoñecemento que o honor. Onte pola mañá erguinme cedo, enchufei ese milagre para min incomprensible que se chama televisión por satélite, busquei a cadea estatal sueca e dispúxenme a ver o  contecemento. Xa empezara había un cacho. Na cabeza da carreira camiñaban bastante destacados dous homes, un vestido de encarnado e outro de azul.

De súpeto, cando empezaba a cansar de ver sempre o mesmo, é dicir, bosques de abidueiras, neve de varios centímetros de espesor e aqueles dous atletas facendo os mesmos xestos durante quilómetros e quilómetros, un tratando de adiantar ao outro, sucedeu algo inesperado, aínda que non raro naquelas terras. Un dos corredores tivo que parar un momento para recoller bebida. Automaticamente, o contrincante parou a marcha, suspendeu a competición para non aproveitarse da vantaxe e agardou. Logo seguiron loitando.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de marzo de 1998.