La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Os amantes do jazz saben que algúns dos seus músicos máis importantes saíron de ambientes tenebrosos. Por exemplo, a cantante Billie Holliday foi violada cando tiña dez anos e exerceu a prostitución cando era unha fermosa adolescente negra que quería comer. O trompetista Louis Amstrong, que era fillo dunha muller de vida alegre, pasou unha parte da súa infancia nun fogar para rapaces difíciles por disparar contra un neno co revólver dun dos amigos da súa nai. Charlie Parker educouse cun pai xogador, mullereiro e alcaiote.

De toda esa miseria amasada procede unha das músicas máis representativas das convulsións espirituais que marcaron unha boa parte deste século. Ninguén que non teña vivido nese ambiente sórdido, no medio das drogas, as navallas e o puterío máis arrastrado foi capaz de crear algo grande no mundo do jazz.

A filla do cantante italiano Al Bano e de Romina Power, desaparecida hai uns días, levaba tempo encamiñándose cara a ese mundo, que parece que a fascinaba máis que aquel no que ela se criou, doce como a música do seu pai, ordenado e tranquilo como a vida da súa nai. Namorada dun vello intérprete de saxo, sucio e tirado, nestes momentos non se sabe onde está. Probablemente se perdeu para sempre, aínda que é seguro que ela pretendía salvarse meténdose no buraco de onde saíron Billie Holliday, Louis Amstrong e tantos máis.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de febreiro de 1994.