La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non recordo ben os detalles, pero si o fondo da cuestión. Alá polos primeiros anos da década dos sesenta, Arturo Lezcano leume un día unha carta de Antón Risco, que daquela era profesor no estado de Oregón, na que este describía con intelixencia maligna a hipocrisía da sociedade americana. Se non recordo mal, o amigo Antón falaba na súa misiva dunha obra de teatro representada polas súas alumnas, todas acoirazadas de roupa ata o pescozo, pero cunhas transparencias semiocultas que rozaban a indecencia.

Desde entón, teño estado unhas cantas veces nos Estados Unidos, sigo asiduamente a vida naquel país a través de varios peródicos e revistas, confésome un admirador de non poucas cousas que se fan alá, discrepo dos tópicos que lles colgan, pero carezo de argumentos para contradicir aos que falan da súa hipocrisía.

Agora mesmo, co asunto de Clinton, resulta sorprendente que en pleno fragor deste escándalo, coa palabra moral inundando a prosa dos periódicos, as bocas dos locutores e os debates da xente na rúa, ninguén se escandalizase da conduta dun dos personaxes menos respectables de toda esta historia: a señora que gravou clandestinamente, valéndose dunha trampa, as confidencias que lle fixo a súa amiga pecadora. A traición parece bastante máis fea que as cochinadas do presidente coa súa María Magdalena.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de febreiro de 1998.