La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O día 19 de xullo do ano 1850, un cargueiro americano de nome Elizabeth naufragou no medio dun gran temporal nas inmediacións de Fire Island, cando se aproximaba ao porto de Nova York. En pouco tempo, as praias próximas foron enchéndose de xente que contemplaba o espectáculo e que esperaba apañar unha parte do botín despois de que a traxedia acabase de consumarse. Algúns viron unha muller de pé sobre o barco, aguantando ata o final. No momento en que aquel se afundiu, a señora desapareceu engulida polo mar.

Así morreu Margaret Fuller, unha escritora forte e valente, admiradísima no seu tempo, da cal se publican agora nos Estados Unidos seis volumes con toda a súa correspondencia. Non será necesario insistir demasiado en que tanta admiración foi acompañada tamén de odios e censuras, como sucede sempre nestes casos.

Ao día seguinte do naufraxio, o poeta Henry D. Thoreau acercouse ata o escenario do suceso. Cando chegou, unha multitude de individuos andaba á rebusca, como garduñas detrás da presa. El non pretendía outra cousa que recordar a súa amiga, pero pronto se decatou de que os recordos empezaban a ser xa, a pesar do pouco tempo transcorrido, unha néboa densa e vaga, como fume. Nese momento tivo a sorte de encontrar un botón de Margaret. Sentiuse feliz, coa felicidade que só poden dar as cousas miúdas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de febreiro de 1995.