La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estou seguro de que nalgunha ocasión teño falado aquí de Jacqueline du Pré, a célebre violonchelista inglesa, casada co pianista e director de orquestra Daniel Barenboim. Como saben todos os amantes da música, esta rapaza tivo que abandonar a súa  espléndida carreira cando aínda non cumprira os trinta anos de idade e lle diagnosticaron unha esclerose múltiple. Despois dunha longa década moi difícil, durante a cal estivo practicamente inútil na casa, con fortes depresións, mentres o seu home compartía vida con outra muller en París, morreu aos corenta e dous anos. Desde entón lévanse publicado numerosos libros e artigos sobre ela.

O último acaba de saír hai pouco e está resultando escandaloso e polémico, en parte porque vén rematar coa imaxe pública dunha muller doce, agradable e simpática, vítima de tantas cousas, empezando pola enfermidade que arruinou a súa carreira musical, seguindo polas consecuencias que trouxo para o seu matrimonio e rematando pola súa morte prematura e cruel. Aseguran que era un bicho.

A súa irmá Hillary, música coma ela, pero que non chegou a triunfar, di que Jacqueline padecía voracidade sexual, cousa que ela pode acreditar, pois polo menos unha vez, compartiron de común acordo o mesmo home, concretamente o marido da primeira. Non só iso, senón que ademais Jackie era unha manipuladora, dunha gran dureza, e non sei cantos horrores máis. Pode ser. En todo caso, Jacqueline du Pré, para os que a admiraramos en vida, foi nada máis que unha magnífica violonchelista. E mentres duren as gravacións que nos deixou, seguirao sendo. A súa vida sexual e o seu carácter, alá ela. A min, polo menos, impórtanme un figo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de xaneiro de 1999.