La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Algunha vez teño falado aquí desas reliquias que existen en América, conseguidas previo pago de moitos dólares, pero que non se poden valorar en diñeiro, pois forman parte dos soños máis antigos da historia universal. Unha señora millonaria que vive en Nova York, por exemplo, comprou o caxato de Abrahán. Naquel país gárdanse tamén varios hábitos de san Francisco, un dardo dos que mataron a san Bastián, un dente de leite do Neno Xesús e montóns de anacos arrincados da cruz do Calvario.

É mercancía bastante perigosa. En Israel, Arafat e Netanyahu discuten estes días sobre a Cova dos Patriarcas, que está situada na cidade de Hebrón. Durante moitos séculos, os xudeus non podían pasar do banzo número dezaseis da escaleira que conduce ao lugar, pois desde alí en adiante era zona sagrada dos musulmáns.

A partir da súa vitoria militar na Guerra dos Seis Días, os xudeus xa non respectan esa norma, pois consideran que o santuario que garda a tumba de Abrahán é deles. Os palestinos, por suposto, pensan exactamente o contrario. Se non chegan a un acordo que, por outra parte, non parece fácil, pode haber tiros. O malo é que nese mesmo santuario, sobre unha pedra, quedou gravado un pé de Adán. Como este foi o pai de toda a humanidade, unha disputa sobre el podería desencadear unha guerra mundial.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de xaneiro de 1997.