La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Teño un recordo moi pouco claro dunha escena que vivín de neno na aldea de Ganade, perto de Xinzo de Limia, un día lonxano dos anos cincuenta. Estou vendo un grupo numeroso de homes, entre eles varios da miña familia, apertados uns contra os outros para poder escoitar o confuso ruído que saía dun aparato de radio. Mentres tanto, alleo ao interese incomprensible dos maiores, eu xogaba a poucos metros de alí con outros rapaces, sorprendidos todos polos alaridos que de cando en cando daba aquela xente.

Foi a primeira vez que escoitei o nome de Gaínza, o futbolista do Athletic de Bilbao que acaba de morrer, que ao principio entendía eu como Saínza, un lugar próximo, famoso daquela e aínda hoxe, pola romaría na que se celebraba entón e se segue celebrando nos nosos días unha coñecida batalla entre mouros e cristiáns.

Anos despois, curado da miña ignorancia futbolística, fun moito daquel xogador, como tantos rapaces do meu tempo, que o tiñamos, xunto con Zarra, no altar dos ídolos. Coleccionei os seus cromos con cariño e sería feliz, como o meu amigo Celsito Culinó, se o chego a ver en vivo. Xa de adulto, nun curso que vivín en Bilbao, unha tarde entrei nunha tenda de deportes, propiedade de Zarra, e alí atopei os dous mestres. Non sentín a máis mínima emoción. Aquel día souben con certeza absoluta que o meu corazón xa non era inocente.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8  de xaneiro de 1995.