La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un señor tivo a paciencia, ignoro se santa ou boba, de contar as burbullas que hai nunha botella de champaña. No exemplar utilizado para o cálculo había exactamente corenta e catro millóns. Tampouco sei de que método se valeu para realizar unha operación tan extravagante. O individuo era, como resulta fácil de imaxinar, americano. Non é raro nun país que adora esta bebida e que confeccionou arredor dela toda unha cultura cinematográfica, algo semellante ao que fixeron os franceses co viño, que foron capaces de convencer a medio mundo de que o acto sinxelo de beber un bo borgoña equivale a ler unha páxina de Proust.

Nisto do champaña, hai xa unha gran mitoloxía, iniciada polos propios fabricantes, palabra esta última que supoño que eles refugarían como unha auténtica blasfemia. Un dos máis famosos, Christian Pol-Roger, cando foi bautizado, despois de que o cura, ou bispo, lle botase auga pola cabeza, recibiu dúas pingas de champaña nos labios.

Outro dos grandes, Rémi Krug, adoita comparar a bebida que desde hai tempo fabrica a súa familia con compositores ou obras musicais de primeira magnitude, desde Vivaldi ata Mozart ou Beethoven. Por outro lado, ás veces di que cando alguén descobre en calquera parte do mundo que el é un Krug, entón séntese como se fose un cantante de ópera, aínda que con frecuencia non pode manter a tensión de desempeñar sen descanso o papel que se espera que represente. Neste sentido, supoño que todo debe ser máis fácil para a súa filla Caroline, que dirixe a sucursal da firma en Nova York e que recentemente dixo: “Nós só facemos zume de uva con burbullas”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7  de xaneiro de 2000.