La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O escritor Juan Benet, que acaba de morrer en Madrid vítima dun tumor cerebral, sempre foi considerado un novelista pesado e aburrido por un número importante de lectores, mentres que, polo contrario, para outro sector non menos numeroso era un xenio ou un narrador moi capaz. Unha discrepancia tan radical, como é lóxico, non ten solución; probablemente fose ambas as dúas cousas. No que si había unanimidade, en cambio, polo menos entre os que o coñecían persoalmente, era no recoñecemento da súa intelixencia e simpatía.

Agudo e ocorrente, cunha acidez coidadosamente cultivada, movíase moi a gusto no humor do disparate: seducíano as situacións absurdas, que ás veces provocaba con talento só polo pracer de contalas despois cunha arte inimitable de narrador oral superdotado. Recordo unha noite memorable en París, con Carmen Martín Gaite e o poeta sueco Lasse Söderberg, na que Benet estivo divertidísimo e magnífico.

A historia empezou porque o sueco non tiña cuarto no hotel, polo cal lle asignamos o de Vázquez Montalbán, que marchara a Barcelona. Pola noite, co alcohol, ao poeta entráronlle uns escrúpulos mortificantes por estar ocupando un cuarto que non lle correspondía e que tería que pagar o Ministerio español de Cultura. Feliz pola situación, Benet demostroulle con brillantez, dividindo primeiro o importe do cuarto entre todos os españois e logo con complexas operacións matemáticas adicionais, que a cantidade defraudada non existía.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6  de xaneiro de 1993.