La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns días, falando na televisión, o profesor Severo Ochoa dixo que España é un país onde se nota a falta de cultura científica. Ten razón. No seu tempo, Felipe II prohibiu baixo pena de morte que ningún español estudase en universidades estranxeiras, unha orde que se cumpriu por exceso, pois ninguén, ata o século XIX, conseguiu transgredir aquela norma. O primeiro foi don Julián Sanz del Río, enviado a Alemaña por un ministro progresista. Unha decisión que sería trascendental, como se sabe, para a España contemporánea.

Aínda no século pasado, en pleno triunfo do positivismo científico en toda Europa, dous profesores de instituto, un de Santiago e outro da Coruña, foron apartados da docencia por impartir o que unha Real Orde consideraba “doutrinas perniciosas”, é dicir, que estaban en desacordo coas ensinanzas da Igrexa Católica. A materia que así se cualificaba non era outra que a teoría da evolución de Darwin.

Cada país acaba pagando sempre a súa propia historia e o prezo da nosa ten sido alto, sobre todo en dignidade. Aínda non hai moito, tivemos un xefe, por certo máis vitoreado do que agora moitos nos atrevemos a recoñecer, que afirmaba sen rubor, e recibía aplausos, que inventara unha gasolina a partir da casca das laranxas: unha contribución feliz á ciencia dos carburantes. Como venturosa foi a aportación que fixo á Física o profesor Palacios, tan eloxiado no seu momento por ser o único sabio no mundo que refutou a Einstein.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de decembro de 1992.