La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En relación cos homiños creados polo conde Kueffstein, dos que falamos estes días, os afeccionados á alquimia saben que a idea de crear seres humanos diminutos no laboratorio é un soño antiquísimo. Con todo, o primeiro en ofrecer unha fórmula concreta foi Paracelso. Sen ánimo de inducir a ninguén a facer disparates, douna a continuación: ponse semente humana nun alambique, que se debe pechar de forma perfecta, para depositalo a continuación, durante corenta días, en esterco de cabalo. Despois nacerá un neno.

Ao principio será transparente, pero despois de alimentalo ben durante corenta semanas, converterase nun rapaciño perfecto, aínda que iso si, dun tamaño minúsculo, menos que un rato. Era o que os alquimistas chamaban un homúnculo. Que se saiba, Paracelso non fixo ningún. Os únicos coñecidos son os de Kueffstein.

O texto de Kammerer, no que se dan os detalles da fabricación e a vida dos dez homúnculos do conde austríaco, tense estudado e discustido, pois para moitos investigadores resulta desconcertante, xa que a impresión xeral que se tira da lectura do seu diario é que o secretario non mente. Alguén ten suxerido que este home sería vítima dun engano, baseado na utilización, por parte do seu amo, dun xoguete italiano, moi popular no século XVIII, chamado o Demo Minimax. Parece unha explicación indigna, ofensiva para Kammerer.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de decembro de 1994.