La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Polos periódicos souben da morte de Stéphane Grappelli, ocorrida en París o luns pasado, cando lle faltaba pouco máis dun mes para cumprir os noventa anos. A primeira vez que o escoitei tocar en directo foi en Copenhague, hai xa moito tempo. Daquela, andaría el polos sesenta e tantos de idade, e movíase con enerxía. A última vez que o vin, en cambio, tiña os pés inchados, como cheos de algodón, andaba a pasos lentos de elefante fatigado e miraba ao público, á hora de agradecer os aplausos, con ollos de neno.

Por culpa del mantiven longas e amables discusións cun amigo, xa desaparecido, que consideraba que calquera música que non fose a clásica era un atentado contra a harmonía, o bo gusto e a arte en xeral. Naturalmente, o jazz ocupaba o primeiro lugar entre toda unha longa colección de ruídos molestos, desagradables e nocivos.

Un día tróuxenlle de Suecia un disco no que Grappelli tocaba o violín a dúo con Jehudi Menuhin. Non serviu para máis que empezar a poñer a este último baixo sospeita por atreverse a interpretar algúns dos temas clásicos do jazz en compañía dun indocumentado. Cousa de gustos. Algúns dos momentos máis felices da miña condición de amante desa música paseinos escoitando a Grappelli. As súas interpretacións de Lady be good sempre me pareceron maxistrais. Outro grande que cae; e xa quedan poucos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de decembro de 1997.