La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O conde de Chesterfield, de nome Philip Dormer Stanhope, aquel elegante lord inglés do século XVIII tan denigrado por Samuel Johnson, era un cínico. Son famosas en todo o mundo as cartas que lle escribiu ao seu fillo natural, nas que abundan as apreciacións intelixentes, case sempre enxeñosas e moitas veces cargadas dunha ironía feroz. Por exemplo, para referirse ás relacións sexuais, nunha das súas misivas fai a seguinte observación: o pracer é momentáneo, o custo exhorbitante e a posición ridícula.

Pero non foron estes afortunados golpes de enxeño os que converteron o ilustre conde nunha figura destacada das letras inglesas. Se as célebres cartas se seguen lendo e apreciando douscentos anos despois de seren escritas é porque son un modelo de bo estilo, é dicir, de pulcritude, sinxeleza e naturalidade. Todo un programa.

Polas mesmas razóns que lord Chesterfield pasou á historiada literatura inglesa non pasará Julio Anguita á historia da literatura española. As virtudes literarias do conde inglés correspóndense exactamente cos pecados retóricos do político andaluz. Quero dicir que o estilo apertado das cartas daquel reflíctese do revés na prosa inflada deste, tan parecida ao suflé. Claro que a maldade de Chesterfied queda compensada pola beatitude de Anguita. E todos sabemos desde nenos que o importante é ir ao ceo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de decembro de 1993.