La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un amigo da infancia, a quen recordo sobre todo porque un día me descubriu a marabilla de aprender que sementando uns granciños de centeo na terra acababa saíndo herba, chamoume por teléfono para dicirme que ese pobre lobo do que falei onte aquí, que rematou convertido en alfombra nunha habitación da casa de Beiro onde pasei tantos veráns, era o lobo Ramiro. Foi famoso naquela comarca por papar non sei cantas ovellas, vacas e cabalos e porque pola noite lle saía á xente nos camiños para meterlles medo.

Dixo o meu amigo que o tal lobo Ramiro era mala persoa e que, se rematou os seus días da maneira tráxica que rematou, foi porque non merecía unha sorte mellor. Matárono a tiros uns paisanos nun bosque de carballos, pola parte de Turei, despois de organizar unha batida para poñer fin pola forza ás falcatruadas do animal.

Non sei como era o lobo Ramiro, a pesar da miña familiaridade con el, naturalmente cando non era máis que unha alfombra forrada cun pano vermello, pero estou seguro de que foi un bo lobo e que cumpriu o seu papel como é debido, é dicir, comendo ovellas e meténdolle medo á xente. Para iso están os da súa especie e non para andar facendo caridades polas portas das casas. Se ás persoas nos xulgasen por matar cabritos, vacas, polos coellos, perdices e outra cristiandade menor, aviados estariamos. O peorciño do mundo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de decembro de 1994.