La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Alá polos anos sesenta asistín a unha conferencia na Universidade de Santiago na que o orador pretendía demostrar científicamente a existencia de Deus. Para construír a proba, valeuse da teoría da dilatación do cosmos de Arthur Eddington, co argumento de que se o cosmos estaba en expansión constante, habería que imaxinalo dun tamaño moito menor que o actual. Desa maneira, reducindo, reducindo, o conferenciante chegou a propoñer a imaxe dun balón de fútbol, dunha pelota de tenis e da cabeza dun alfinete.

A graza do asunto consistía en afirmar que, aínda que o mundo fose tan pequeno como a pata dun piollo, sería necesaria a intervención dun Ser Supremo para crear esa migalla. Como dixo despois un señor do público, entre crear da nada unha area ou o universo completo, a cuestión do tamaño carecía de relevancia.

Agora leo nos periódicos unha noticia relacionada coa posibilidade de que os científicos sexan capaces de crear vida. O que non sei é que pinta Deus en todo isto. Quero dicir que non entendo por que resulta tan importante para algunhas persoas demostrar cientificamente tanto a existencia da divindade como o contrario. Como dicía a miña tía María, aínda que un teorema demostrase de maneira impecable que Deus non existe, para ela sería sempre un teorema falso. Estou convencido de que tiña toda a razón do mundo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de novembro de 1996.