La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Polonia, nun bosque próximo á localidade de Plock, apareceron unhas luces enigmáticas, que unha testemuña comparou cuns aros olímpicos rotantes e un grupo de persoas atribuíu a milagre de Deus. Os círculos luminosos xiraban, subían e baixaban, e un día pousáronse durante dez minutos sobre a cabeza dun tolo, que levou un susto e non curou, aínda que os familiares aseguran que agora é máis pacífico. Aberta unha investigación, os encargados de estudar os feitos chegaron á conclusión de que o fenómeno é raro, pero de orixe natural.

Tamén en Sabucedo, preto de Xinzo de Limia, cando eu era neno, se produciu un milagre. Unha señora da aldea, persoa moi de misas e novenas, un día deixou de comer radicalmente e desde entón non se alimentaba doutra cousa que da comuñón, que recibía con fervor na cama todas as mañás.

Todo acabou o día en que o meu tío Benito, médico e volteriano, lle fixo vomitar unha ración de polbo. Un alégrase de que a razón se impoña por riba da superstición, pero tamén sente que o mundo se vaia quedando sen pequenos misterios como este, absolutamente inocentes, porque os grandes, aqueles que levamos dentro do corazón, eses xa sabemos que nunca se van aclarar. Non obstante, que un cabalo fale, como falaba aquel cabalo de Cunqueiro que sabía grego e francés, iso endexamais debía ser sometido á proba destrutora da razón. É unha crueldade ruín, igual que racharlle os xoguetes a un rapaz.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de novembro de 1992.