La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando falei onte de Ravachol, o loro pontevedrés que foi do boticario don Perfecto Feijóo, dixen aquí que era unha pura construción verbal. Non quixen afirmar con iso que o animaliño non existise na realidade nin que non fose mal falado, nin sequera puxen en dúbida que o enterro que lle organizaron non se levase a cabo da maneira que contan os seus biógrafos, co exército desfilando detrás da caixiña do paxaro, rendéndolle honores.

Máis ou menos, todo iso foi certo. O que sucede é que, desde entón, o loro foise convertendo nunha lenda fermosísima e del cóntanse cousas tan incribles e fantásticas que parece unha persoa, sobre todo pola agudeza e a intelixencia que lle atribúen todos cantos trataron del. Con todo o que se sabe de Ravachol podíase escribir a súa biografía, como se fose un personaxe ilustre. Sería, sen dúbida, un libro digno de lerse, aínda sabendo que moitas das historias a el atribuídas terían a condición de seren inventadas.

Nisto non se diferenciaría moito do que ocorre coas persoas. Por exemplo, nin Isabel II foi tan golfa como din nin Carlos IV tan bobo como se pensa nin María Luísa de Parma tan casquivana. Sen embargo, resulta moi difícil combater a imaxe que nos chegou destas figuras históricas. Mirando o retrato da familia de Carlos IV pintado por Goya, a raíña ten cara de zumezuga e o rei ten o rostro dun pobre apalominado. Outro tanto se podería dicir de Felipe II, que parece que non foi tan malvado como asegura a lenda. O certo é que a realidade e a historia e nós mesmos estamos feitos de palabras. O outro día, por exemplo, escoitei dicir dun amigo meu unha malignidade lacerante, que estou seguro que é falsa. Pese a todo, xa forma parte del, tanto como os seus brazos ou as súas pernas. Por iso resulta tan repugnante a frivolidade que poñen algúns ao falar dos demais. Non saben que están inventando vidas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de novembro de 2000.