La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha empresa canadiana de turismo envía cartas a rapazas e rapaces solteiros de todo o mundo, propoñéndolles que pasen a lúa de mel nas Cataratas do Niágara. Entre os atractivos que lles ofrece aos noivos figura un cuarto de hotel que inclúe unha cama con colchón de auga en forma de corazón e un certificado que acredita a estancia da parella. Naturalmente, no folleto de referencia non se oculta que no mesmo lugar estivo Marilyn Monroe no ano 1951, cando rodou a película Niágara, e que alí se namorou.

Nunha viaxe que eu fixen por aquelas terras, hai cinco ou seis anos, observei que moitos turistas lles prestaban máis atención aos centos de mozos e mozas vestidos de voda que se retrataban diante das cataratas, que ao espectáculo da auga, verdadeiramente grandioso. O mal gusto é unha cousa internacional e cosmopolita.

A axencia esta da que falo, para non ser menos, por se non fose pouco o asunto da cama de auga en forma de corazón, asegura que o Niágara garda un misterio insondable, capaz de enmeigar para sempre as almas das parellas sensibles que se atrevan a contemplalo. A mesma Marilyn confirmou que alí había maxia. E debe ser certo porque mentres durou a rodaxe do filme namorouse loucamente de dous homes e casou cos dous. Primeiro con Bob Slatzer, do cal se divorciou aos catro días, e despois con Joe DiMaggio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de novembro de 1994.