La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un día, viaxando en coche pola Pampa arxentina, de súpeto sentín que se aclaraba dentro de min unha idea confusa que desde un par de horas antes me viña producindo un desacougo desagradable e nervioso. Nun instante decateime de que era a inmensidade que me rodeaba, co horizonte da terra dando a volta como no mar, a orixe daquela inquietude indefinida.  Entón, a intranquilidade transformouse en paz e o resto da viaxe converteuse nun gozo, cos ollos asombrados e a alma reconfortada.

En América todo é grande. Este sentimento, que todos os que coñezan aquel continente terán experimentado algún día, pode producir sensacións ambiguas ou contrapostas. Por un lado, a admiración que provocan as cousas grandiosas e colosais; por outro, a turbación que nos causan os fenómenos monstruosos.

Está tamén a derivación cómica do desmesurado. No Brasil, onde aínda recentemente a un deputado lle tocou a lotería máis de corenta veces nun mesmo ano, agora aparece unha señora que pesa catrocentos quilos e que quere adelgazar. Para levala ao hospital, sácarona da casa por unha ventá, interveu o exército con helicópteros, os bombeiros utilizaron guindastres e houbo que empregar un vehículo especial. Un exceso. Para que todo siga sendo exhorbitante, a señora di que quere pesar sesenta quilos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de novembro de 1993.