La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando era nena en Viena, a escritora Gitta Sereny padeceu difteria. Sempre recordaría aquela noite, mentres o pediatra que a atendía, o doutor Berggrun, a envolvía en sabas frías e húmidas e repetía sen cesar: “Ela vivirá”. Anos despois, sendo unha rapaza adolescente, nos primeiros días do triunfo do nazismo, un día viu na rúa un grupo de persoas rindo, ao tempo que varios homes e mulleres, postos de xeonllos, fregaban a calzada, vixiados por un comando de tipos vestidos con uniformes de color parda.

Un daqueles señores que estaban fregando o chan era o doutor Berggrun. Indignada polo espectáculo humillante, Gitta púxose a berrar contra os agresores. Nese momento, aquel home que lle salvara a vida, ergueu os ollos e mirouna. Logo díxolle que non o volvese repetir, que o que estaba facendo era moi perigoso.

O doutor Berggrun morrería na cámara de gas pouco despois. Por circunstancias que non veñen ao caso, Gitta Sereny coñecería máis tarde a Albert Speer, ministro e arquitecto de Hitler, sobre o cal acaba de publicar agora un libro en Inglaterra. Polos días do suceso que narramos, Speer estaba en Viena. Gitta preguntoulle por feitos como aquel, pero o célebre personaxe respondeulle que el non saía case do hotel e que andaba pola parte vella da cidade, comendo e bebendo viños estupendos. E non se enterou.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de novembro de 1995.