La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, despois de escribir a historia do rapaz aquel que dicía quiquiriquí, acordeime doutro mozo, tamén avariado da cabeza,que coñecín nun sanatorio da Coruña hai preto de vinte anos. Daquela, fora eu acompañando a un tío meu que levaba posto un dos primeiros marcapasos que se instalaron en España,un artefacto primitivo ao que lle había que cambiar as pilas cada pouco tempo. A novidade consistía en que, despois de moito tempo, para aquela operación xa non era necesario desprazarse ata Madrid.

Por pouco, o que empezou con alegría a punto estivo de rematar entre lágrimas. A culpa, aínda que involuntaria, foi miña. Resulta que o meu tío, medio amodorrado como consecuenciada intervención, pediume que avisase a alguén para que fixesen calar un pato que levaba media hora cantando debaixo da ventá.

Eu asomeime para mirar o que pasaba e limiteime a expresar en voz alta o que estaba vendo: un neno que dicía cuacuá. Quizais engadín algo máis, talvez unha broma; o caso foi que o meu tío empezou a rir tan descontroladamente que se accidentou nas costuras e tiveron que remendalo de novo. Mentres o facían, eu agardaba fóra tratando de reprimir sen éxito as gargalladas. Ao infeliz do neno debéronlle dar uns vasoirazos porque escoitei uns palistroques seguidos dun berro pequeniño e logo calou.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de outubro de 1996.