La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai xa máis de trinta anos, un día asistín en Madrid á conferencia dun periodista polo que sentía, a verdade é que compartida con moitos, unha admiración entusiasmada. Non se cabía na sala, na que se percibía un ambiente sagrado de respecto, o mesmo que se quen falase fose un sabio ou un santo. Quizais eu podería pensar naquel momento que era as dúas cousas ao mesmo tempo. Polo menos estaría disposto a defender esa tese diante de calquera que se atrevese a soster o contrario.

Falou de política internacional, que era daquela a maneira máis retorcida e eficaz de falar de política española sen incorrer en delito. Tratábase dun xogo, as regras do cal coñeciamos todos, polo cal non resultaba nada difícil facer a tradución das equivalencias. Igual que nenos, acabamos todos felices e contentos.

Onte mesmo, cando volvía para a casa, escoitei na radio o mesmo periodista, agora convertido en contertulio habitual dun programa. Atopeino vello e pesado, cunha amargura cínica e frívola que lle perturbaba claramente a ben probada intelixencia e que o levaba a facer xogos de enxeño antes que analizar os problemas. Mentres conducía, ía pensando se o meu entusiasmo de entón sería cousa dos poucos anos; ou se este desencanto de hoxe dependía tamén da miña idade. Ou da idade del.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de outubro de 1993.