La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, mentres ía no coche camiño de Vilanova de Arousa para participar no congreso sobre Valle-Inclán, sentía curiosidade por coñecer a personalidade de Anthony N. Zahareas, profesor da Universidade de Minnesota, un verdadeiro sabio en cuestións relacionadas coa obra literaria de don Ramón. Como saben moitas persoas en toda España, este catedrático nacido en Grecia, educado despois nos Estados Unidos, é autor dalgúns dos traballos máis intelixentes que se levan publicado sobre o xénero do esperpento.

Por pura casualidade correspondéronnos asentos contiguos durante o xantar, despois da clausura. Atopeime cun home simpático, agudo como un raio, non só interesado pola literatura. Ignoro por que, puxémonos a falar de jazz. Cando eu lle dixen que vira en directo a Duke Ellington e a Stan Getz, el díxome que vira a Charlie Parker.

Esas son palabras maiores. Entón pasamos a falar de literatura americana moderna. Con cara de pillabán, sabendo a impresión que ía causar, demorándose no efecto previsible, díxome que fora amigo de Jack Kerouac, o autor da novela On the Road, a biblia do movemento beat. Iso xa me pareceu un abuso, así que lle preguntei por Valle-Inclán. Opinaba que era o mellor autor de contos do século XX. Ocorréuseme unha obxección: “Con permiso de Hemingway”. Antes de que dixese que si, xa sabía que estaba de acordo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de outubro de 1994.