La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O 1 de maio de 1974, apenas seis días despois da revolución portuguesa, eu estaba cunhas amigas en Lisboa, metidos os tres entre a multitude, nun palacio de deportes a onde ían chegando delegacións de todo o país. Cada pancarta que entraba, o entusiasmo da xente multiplicábase, pero pola matemática enardecida dos corazóns. Nun momento, asomou pola porta un velliño sen afeitar, mal vestido, en alpargatas, que traía na man dereita unha cartela feita coa tapa dunha caixa de zapatos. Dicía: “Grándola”. No medio dos berros, había xente que choraba.

Escenas semellantes podíanse ver na madrugada de onte en Belgrado, a través da televisión: a multitude desbordada, situada na punta da emoción máis pura. Había abrazos, bicos, saúdos cómplices. Eu acordeime entón dunha frase que escribiu o escritor portugués Miguel Torga, despois de participar naquel mesmo primeiro de maio no que participara eu: “¿Em que oceano de bom senso iria desaguar aquele delírio?” Ese futuro mar en calma decepcionará, sen dúbida, os navegantes máis intrépidos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de outubro de 2000.