La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando eu era rapaz e me confesaba todos os xoves, algúns dos pecados que lle tiña que contar ao padre Cesáreo, un frade franciscano que o perdoaba todo a cambio dunha avemaría, eran os que cometía cos libros que lía sen facer caso das recomendacións en contra do padre Garmendia de Otaola, un xesuíta que tiña catalogada como gravemente perigosa toda historia da literatura universal. Entre renunciar á lectura para ir ao ceo e facer o contrario sabendo que podía ir ao inferno, elixín o máis razoable. Lin o que puiden.

Non recordo que entre os libros prohibidos estivesen As aventuras de Huckleberry Finn. Polo menos, eu linas a cara destapada, consciente de que naquela ocasión non estaba pecando. Foi unha sorte porque a lectura inocente daquela novela aforroume o esforzo de andar buscando entre liñas a malicia que non tiña.

Agora, en cambio, nos Estados Unidos non se pode ler esta obra con inocencia. A causa é que o Negro Jim, aquel personaxe inesquecible, chámase Negro. Desde logo, se aos negros non lles parece ben, non digo nada, pero a min paréceme que esta é unha cousa máis ben propia dos brancos. A algúns, polo que acabo de ler nunha revista, non lles chega con criticar iso, senón que están empeñados en dicir que ao autor lle gustaban as nenas e que era impotente e avaro. Pode ser, pero ademais escribía moi ben.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de setembro de 1996.