La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non recordo ben se era o Rexelo ou o Primo de Lamas, pero un dos dous tiña fama de sabio. Fose quen fose, o caso é que o interesado falaba sen complexos da Biblia, dos Estados Unidos, de medicina, das constelacións, das enfermidades dos porcos ou da historia do ferrocarril. Para impresionar máis aínda a xente que o escoitaba, ás veces metía citas en inglés ou en latín, un recurso que caía como un mazo sobre a cabeza dos paisanos. Eu oín dicir del, alá na miña infancia, que sabía tanto como unha enciclopedia americana.

Tardei anos en decatarme de que o tal sabio era un farsante. Alguén me mandou un día co recado maligno, sen que el soubese da trampa, de que lle preguntase en que consistía un triángulo escaleno. Mirou para min, deulle unha chupada á cachimba, pasoume a man pola cabeza e díxome: “Xa terás tempo de aprendelo”.

Estes días pasados chamáronme de varios periódicos para preguntarme que me parecía o problema do ferrocarril en Galicia, o asunto da empacadora de Vigo ou o proxecto de converter a Santiago na capital cultural de Europa. Nos tres casos respondín algunhas parvadas que se me ocorreron. A pesar diso, hai xente de boa fe que segue pensando que os escritores saben de todo; incluídos os propios escritores, naturalmente. Por se acaso, para estar preparado, haberá que ir estudando en que consiste un triángulo escaleno.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de setembro de 1994.