La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Creo que foi un dos espectáculos máis cómicos que vin na miña vida. Contempleino o outro día na televisión. Sucedeu nunha desas vilas vascas onde se celebra unha cousa que se chama Alarde e que consiste nunha especie de desfile procesional en conmemoración dunha vitoria militar contra os franceses. Non sei moito máis do asunto, a non ser que cada ano se monta a marimorena porque, segundo a tradición, ese desfile está reservado aos homes e prohibido ás mulleres, a pesar de que estas contribuíron bravamente no seu día á derrota do exército invasor.

Algunhas rapazas da vila, aínda que non todas, queren participar no tal Alarde, ao cal se opoñen os homes, aínda que tampouco todos, por fortuna. O caso é que hai uns días, na disputa que se ven repetindo por esa diferenza de criterios, un dos individuos que non queren ceder, escornou a unha muller que reivindicaba o contrario. Ergueuse furioso, puxo a cabeza en actitude de carneiro, colleu carreira e pegoulle unha topenada enorme de macho. Vendo o espectáculo, xa se sabe quen non ten razón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de setembro de 2000.