La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Ese dentista ao que me referín onte, que quería ser marqués, a pesar de que era bastante infeliz, andaba sempre metido en pelexas. Que eu recorde, bateuse con cinco persoas, nunca como gañador: unha vez, co xefe de Correos; outra, cun médico pediatra; outra mais, cun mestre de escola. Dos demais non gardo memoria. Nunha ocasión pretendeu incluso organizar un desafío a sabre cun encargado das obras da Lagoa de Antela, ao cal lle tiña manía porque lle disputaba o podio da elegancia. Ao final, a cousa quedou en nada.

Chalado e tolo, aquel home érame simpático. Creo ademais que por debaixo das súas extravagancias había un ser humano dolorido, non sei por culpa de que clase de desencantos. Por outra parte, tratábase dunha persoa moi xenerosa, que acolleu na casa unha nena, á cal criaron el e unha irmá, catalogada tamén como xente rara.

Por riba de todas as excentricidades que facía, aquel señor estaba considerado como réprobo, pois nunca ía a misa. Por esa razón, había beatas que o miraban con odio e que non lle perdoaban tampouco que fose pecador dos pecados máis feos daquela época, cando a moral limitaba exclusivamente coas alegrías do corpo. Por se non chegase con iso, el mesmo facía propaganda das súas propias barbaridades, que eran públicas e coñecidas. A pesar de todo, poucas malas persoas coñecín con tan bo corazón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de setembro de 1995.