La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai anos, estando en Londres, vin na televisión un programa sobre a morte do Papa Xoán Paulo I, arredor da cal se fixeron bastantes especulacións. Un periodista que non me pareceu moi intelixente, pero que tiña cara de listo, defendía a tese de que o pontífice fora asasinado pola propia curia. Os argumentos compuñan unha teoría absolutamente falsa, pero coherente. Baseábase nunha discusión certa entre o Secretario de Estado e o Papa para impedir que este proclamase un determinado decreto, a negativa del a obedecer e a decisión dos cardeais máis influentes, obrigados a matalo, non por maldade, senón por sentido do deber.  Aquel periodista, pouco despois, publicou un libro que obtivo un éxito enorme en todo o mundo. Aínda que as probas que aportaba en defensa da súa tese se desmontaron con toda clase de razóns, non obstante foron aceptadas por moitos lectores, algúns dos cales as seguen defendendo. Falamos disto o sábado un grupo de amigos, durante o xantar. Por fortuna, estabamos todos de acordo.

Digo por fortuna porque empeza a estenderse polo mundo adiante a necesidade de explicalo todo a través de teorías conspiratorias, o cal implica unha clara insania de tipo psicolóxico ou mental. Por exemplo, xa está circulando por aí, a través de internet, a explicación das verdadeiras causas da morte de Diana de Gales. O certo é que tardaron bastante. Supoño que non tardaremos, en cambio, en ter un libro. Pódese facer sen demasiado esforzo cos seguintes datos: o candidato ideal como brazo executor da princesa, os servizos secretos británicos; o cerebro, Carlos, o herdeiro; a mala, Camilla, que é fea e ademais, muller. Mellor, imposible.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de setembro de 1997.