La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven lendo a historia do atraco que fixo Albert Spaggiari a un banco de Niza no verán do ano 1976. O episodio enteiro resulta sorprendente, incluso admirable, se un pensa nunha novela e se esquece un momento da moral. De todo canto fixeron o ladrón e os seus cómplices, case todo foi grandioso. Tiveron que furar unha rocha inmensa, na que non avanzaban máis de dez centímetros por hora, pero onde conseguiron escavar un túnel de seis metros. Logo atravesaron aínda un muro de formigón de metro e medio.

Cando xa tiñan realizado todo ese traballo, por fin atoparon a caixa forte. O malo é que estaba situada exactamente sobre a boca do túnel e que pesaba nin máis nin menos que cincuenta toneladas. A pesar dese enorme inconveniente, coseguiron movela, abrila e asaltala. Naturalmente, o botín foi dos máis grandes da Historia.

Podía dar a cifra aquí, pero non vén ao caso. Creo que o máis interesante do suceso, que conmoveu ao mundo, nunca apareceu publicado nos periódicos. Para min, polo menos, non foron os cartos nin o feito de que estes nunca chegasen a ser recuperados. Foron as cousas raras que os ladróns atoparon en moitas das caixas de seguridade conforme as ían rebentando: galletas, azucre, roupa íntima, xoguetes, botóns, un zapato e un ovo de galiña. Tamén había bastantes fotos pornográficas, pero isto xa era máis previsible.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de setembro de 1996.